Friday 03 de May de 2024

Ordes aproba a súa inclusión na iniciativa ‘Concellos Doing Business Galicia”


No primeiro pleno do ano tamén se acordou por unanimidade iniciar os trámites de cara á concesión da Medalla de Galicia a Isabel Zendal a título póstumo

O primeiro Pleno do ano en Ordes arrancou coa aprobación da adhesión do Concello á iniciativa ‘Concellos Doing Business Galicia’. Trátase dun marco de colaboración entre a Xunta de Galicia e as administracións locais de cara ao fomento do desenvolvemento empresarial e a implantación e fixación de empresas na Comunidade. Por parte dos concellos implicados deberanse asumir compromisos de modificación de tributos e de tramitación administrativa. A aprobación deste punto, proposto polo Goberno Local, inclúe o inicio do expediente de modificación das ordenanzas fiscais reguladoras do IBI, IAE e ICIO. A dita medida permitirá gozar de máis ventaxas en aspectos como a concesión de obradoiros de emprego, cursos de diversa índole, melloras en espazos destinados á formación ou beneficios fiscais para empresarios e autónomos. O voto a favor ante estas medidas deuse en todos os grupos excepto por parte do BNG que demandou un informe de Intervención e optou pola abstención.

O mesmo resultado volveuse a repetir tras o debate sobre a delegación na Administración Xeral da Comunidade Autónoma da convocatoria e desenvolvemento do proceso selectivo de dous axentes de Policía Local que se fará proximamente por parte do Concello. Unha fórmula que responde ao estipulado no decreto 115/2017 do 17 de novembro.

De maneira unánime aceptouse a modificación dos estatutos da Asociación de Concellos do Camiño Inglés na cal se inclúe a Ordes, os cales fan referencia ao proceso de substitución de vacantes na xunta directiva, á expedición de certificacións e levantamento de actas entre outros.

O bloque de mocións por parte dos grupos da oposición abriuno o PSOE, quen acadou o consenso de todas as forzas á hora de solicitarlle ao Goberno Municipal “a presentación das instancias precisas para que lle sexa concedida a Medalla de Galicia a título póstumo á filla predilecta Isabel Zendal”. José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, informou sobre os contactos xa mantidos ao respecto coa área de Presidencia do Parlamento de Galicia, así como co Gabinete de Presidencia da Xunta, ademais do interese amosado neste tema pola Asociación Isabel Zendal.

Melloras sanitarias
Tamén a proposta do PSOE e novamente por unanimidade transmitiráselle ao concelleiro de Sanidade a petición para a instalación dun sistema de monitorización de glucosa para persoas diabéticas, cubríndoselles o seu custo parcial ou totalmente. Un sistema que eliminaría a necesidade de ter que pincharse continuamente para medir os niveis de glucosa.

Por parte do Bloque Nacionalista Galego instouse ao Concello a “garantir un correcto funcionamento do sistema de calefacción do CEIP Castelao” e á Xunta “a levar a cabo actuacións para suprimir as humidades existentes nalgunhas aulas do centro, así como para mellorar o illamento térmico”.

Cambio de fiestras
O debate centrouse principalmente nun dos edificios onde se imparten clases de primaria, “no que xa o ano pasado se cambiou todo o sistema de calefacción” manifestou a concelleira de Educación, Susana García, quen puxo a disposición de todos os grupos “as peticións e demandas presentadas pola dirección do centro e nas que non figura nada relacionado co dito inmoble”. García avanzou que en breve se procederá co cambio de fiestras para evitar os problemas de humidade. Neste punto o rexedor demandou máis comunicación e unha mellor xestión dos recursos existentes por parte da dirección do centro “xa que a pesar de dispoñer dun remanente de 40.000 € non se contemplan investimentos para mellorar as condicións para o profesorado e alumnado”. Por último lembrouse, unha vez máis, o máis de medio millón de euros que se investiron neste centro nos últimos meses tras a aportación da Xunta. Finalmente o voto de calidade do alcalde non fixo prosperar a moción.

Os nacionalistas tampouco sacaron adiante a súa petición de “rescatar a concesión da xestión da residencia municipal de maiores, ou ben a súa integración no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar”. Neste caso a solución para a situación do persoal que presta o seu servizo a día de hoxe pasaría pola subrogación, algo que según se advertiu dende UxO “non é posible debido ás condicións do contrato vixente coa empresa concesionaria”.
No seu turno de palabra Susana García, responsable municipal da área de Benestar Social, defendeu unha vez máis o cumprimento das ratios estipuladas pola lei, si ben manifestou a súa intención de reducir a temporalidade coa que se fan as valoracións (6 meses). “A falta de perturbacións graves no servizo, tal e como o demostran as inspeccións que se realizan avalan o mantemento do sistema vixente” según as súas propias palabras. Aínda así García aposta “por unha maior implicación dos traballadores e traballadoras do centro, da empresa concesionario e do mesmo Concello para mellorar o servizo, que nos últimos meses xa viu incrementadas o número de horas por parte de persoal de apoio e de actividades realizadas”. Tanto BNG como a non adscrita Beatriz Martínez votaron a favor da proposta, mentres que o PSOE se abstivo e o resto de concelleiros votaron en contra.

Por último quedou rexeitado o debate da proposta presentada por UxO para ofrecerlle un recoñecemento público e contruirlle un monólitos ao gaiteiro Manuel Viqueira Vieites, finado en 2015. Aínda que todos e todas coincidiron co fondo da moción, foron varios os concelleiros que rexeitaron o xeito de proceder coa petición, coincidindo en que debería ser tratada previamente nunha comisión para aprobalo por unanimidade en sesión plenaria.